A CAMIÑAR: A RUTA DAS PONTES DO LÉREZ

(Español)

O Lérez é o río que desemboca na ría de Pontevedra conformando un fermoso Val que vai desde a vila de Cerdedo até que se confunde co mar xa na capital, Pontevedra. Esta ruta comeza aos pés de Pedre; concretamente na Ponte románica que atravesa o Lérez e divide o Val: de un lado o Serrapio; do outro, Pedre. Desde a partida o camiño e o río crúzanse e sepáranse de forma contínua, tecendo unha amizade que nos há levar até o lugar de nacemento do Lérez, ao pé do Mosteiro de Aciveiro. 

No total, catorce pontes de pedra, cada unha coa súa história, cada unha coa súa lenda. Este roteiro é unha oportunidade única para gozar da beleza dos camiños vellos, coa maxestusidade das antigas pontes de pedra feitas a man. Unha marabilla de ruta que conxuga a tranquilidade da paixase co brío e a enerxía do río Lérez. 



Unha ruta que en total percorre uns 26 Km. Porén, hai que dicir -para tranquilidade dos non expertos- que se pode facer por tramos moito máis asequíbeis, os máis comúns son:

- De Pedre a Cerdedo: 5 km.
- De Cerdedo a Folgoso: 7 km.
- De Folgoso até Aciveiro: 14km.

Como xa dixemos, o roteiro parte de Pedre e baixa até a Ponte románica que separa a nosa aldea do Serrapio, outra pequena aldea do outro lado do Val do Lérez. Este tramo, todo en baixada, apenas dura uns 10 minutos mais é dunha beleza espléndida, especialmente pola enxebreza do camiño até o río.


A ponte románica de Pedre-Serrapio sobre o Lérez

Unha vez pasado o Serrapio podedes seguir ao pé do río, polos camiños dos pescadores, ou coller unha pequena estrada comarcal que vos há levar en dirección Nordeste, cara a Cerdedo. O camiño dos pescadores non sempre está en boas condicións debido ás crecidas do río, así que se queredes asegurarvos, é mellor coller a estrada, son apenas 2 km. Seguindo a estrada -ou o camiño de pescadores- sempre ao pé do Lérez, chegaredes a  Vichocuntín. Esta é outra pequena aldea -practicamente abandonada, salvo por varias ovellas que andan a pastar nas súas leiras- aínda que é especialmente bonita polos frondosos castiñeiros e carballos; uns camiños, por certo, moi aprezados polos larpeiros dos cogumelos destas terras. Uns 2km despois de Vichocuntín, chegaredes a Cerdedo onde encontraredes outra fermosa ponte románica, a de Santo Antón.


Ponte de Santo Antón de Cerdedo http://sendereando.es

A partir de Cerdedo comeza a ascensión cara a Aciveiro. En Cerdedo non podedes deixar pasar a ocasión para admirar a Eira da Pena, un conxunto de canastros que ten un aire coa Eira Grande de Pedre. Seguindo sempre as indicacións do roteiro seguiredes subindo até o alto da Coveliña, onde sempre se pode parar para un descansiño e tomar algunha foto das vistas. O seguinte punto no camiño é a aldea de Folgoso: desde Pedre até aquí xa teredes feitos uns bons 15km.


Eira Grande de Pedre.

Aínda que o tramo que vén a seguir é o máis duro, xa que o camiño vai subindo de forma continua entre tramos de floresta -por veces bastante frondosa-, até o Mosteiro de Aciveiro. Aquí vos deixamos o mapa da Wikiloc, onde poderedes encontrar moitísimos roteiros, ben marcados e con moita e moi boa información. Aquí tedes o tramo de Folgoso a Aciveiro (Forcarei):





Deixamos atrás Folgoso e seguimos subindo sempre ao pé do río Lérez. De camiño vamos atravesar a aldea de Parada da Cameixa e cruzaremos as pontes de Parada, Gomail, a ponte vella de Forcarei, a ponte do Crego, a ponte de Andón e a ponte vella do Forno, entre algunha outra. E desde a ponte vella do Forno xa estamos a un pasiño do final do roteiro, a aldea de Aciveiro, onde se encontra o famoso mosteiro; unha xoia do románico que, aínda que non fagades o roteiro, é moi recomendábel visitar se estades por aquí cerca. 

En fin, unha rota moi boa que combina unha fermosa paisaxe, monumentos centenarios e unha certa esixencia física. Algúns tramos do roteiro pode que non se encontren moi ben coidados por culpa da vexetación, especialmente entre Febreiro e Marzo, no comezo da Primavera. E aínda que non é circular pódese facer en varios tramos moi asequíbeis. En calquera caso é especialmente recomendável porque se transita entre lugares recónditos por onde hai moito que o tempo se detivo, ou iso parece.

Para finalizar deixámosvos dous links con máis información sobre roteiros. O primeiro diríxevos a Sendereando.es, un blog que contén moitos e moi ben documentados roteiros das comarcas de Vigo, Pontevedra e Terra de Montes. O segundo é Carreiros.es que tamén ten marcado e comentado este roteiro, e cunhas espléndidas fotos. 

Que o desfrutedes!